Wednesday 08 de May de 2024

A concelleira Yoya Neira destaca a calidade dos traballos fotográficos seleccionados no Calendario Municipal 2022, premiados hoxe en María Pita


Yoya Neira: “O calendario municipal non é só un almanaque; é un acontecemento para moitas persoas da cidade que acoden cada ano aos quioscos e librarías para adquirir un exemplar”

A segunda tenente de alcaldesa e concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, presidiu hoxe o acto de entrega dos premios aos autores e autoras das fotografías seleccionadas para o Calendario Municipal 2022, unha publicación editada polo Concello da Coruña desde hai 57 anos, máis de medio século.

Durante o acto, celebrado este venres no Salón Real do Pazo Municipal de María Pita con representación dos diversos grupos presentes na corporación municipal, Yoya Neira salientou a riqueza que aporta o Calendario Municipal para transmitir a historia da cidade da Coruña, mesturando fotografías antigas con imaxes contemporáneas. “O encontro entre o pasado e o presente é un dos acicates desta publicación, con miles de cidadáns que se achegan a el con curiosidade, ano tras ano, para ver cales son as dúas fotografías que ilustran cada mes”, resaltou Neira.

Neira, que puxo en valor a calidade dos traballos presentados, apuntou á identidade única do Calendario Municipal da cidade da Coruña, “onde existe unha tradición de Nadal que non se dá en ningunha outra parte e da que estamos moi orgullosos: facerse cun exemplar”.

Neste sentido, a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación lemboru que “o calendario municipal non é só un almanaque, senón un acontecemento para moitas persoas da cidade que acuden cada ano aos quioscos e librarías atraídos pola posibilidade de levar o calendario a casa”.

Trece gañadores: unha fotografía por mes, ademais da imaxe de portada
● Gañador do mes de xaneiro: Carlos Briones Bioslada.
● Gañador do mes de febreiro: Eduardo Barro.
● Gañadora do mes de marzo: Abedía Cancho.
● Gañador do mes de abril: Óscar Blanco Varela.
● Gañador do mes de maio: Juan Carlos Somorrostro.
● Gañadora do mes de xuño: Luisa Dans Fariña.
● Gañador do mes de xullo: Marcos Queiro Santiago.
● Gañador do mes de agosto: Sindo Novoa.
● Gañador do mes de setembro: Carlos Freire Bazarra.
● Gañador do mes de outubro: Pablo Briones.
● Gañador do mes de novembro: José Luis García Mendoza.
● Gañadora do mes de decembro: Cristina Vicente Castro.
● Gañadora da fotografía de portada: Soraya Sampedro Bores.